Ses, Celtas Cortos, Firkin, Spin te Kú e Quempallou no XXI Asalto ao Castelo

Repasamos grupo a grupo o Asalto ao Castelo 2016!

(Consulta o PROGRAMA COMPLETO da semana)

VENRES 01 DE XULLO

Comezamos forte, despois da cea medieval (na que actuará Cé Orquestra Pantasma chegan…

quempallou

QUEMPALLOU (Galiza)   01h00

Con máis de 12 anos de traxectoria ás costas e considerado como unha das bandas máis representativas do folk galego, este grupo con orixe en Incio e nas Rías Baixas fará bailar a todo aquel que estea presente. Desenvolvendo ritmos tradicionais cun toque de frescura levan a festa por bandeira sen esquecer o seu compromiso social.

E para a noite do Asalto…

SÁBADO 02 DE XULLO

ses

SES (22h) (Galiza)

Igual que o lume prende nun facho, o ritmo prende no público coa música desta cantautora coruñesa. Rock, blues, baladas… Ses virá cargada de enerxía para revolucionar a vila igual que revolucionou o panorama musical galego. A crítica social que esconden as súas letras non pode pegar máis coa celebración á que asiste.

 ASALTO AO CASTELO (23h30)

Os nobres continúan oprimindo a comarca da Terra de  Soneira, polo cal as Revoltas Irmandiñas continúan despois de vinte e un anos. Cunha peza entre teatro e musical, Melodrama pretende facer unha sátira do mundo das verbenas en Galicia.

CELTAS CORTOS (01h) (Valladolid)
celtas-cortos

30 anos de concertos por todo o panorama nacional e internacional, máis de dous millóns de discos vendidos e un repertorio cheo de cancións coñecidas por varias xeracións son a carta de presentación deste grupo rock con influencias celtas. De Valladolid a Vimianzo traerán o son celta e inspirarán recordos en todo o público irmandiño.

FIRKIN (02h30) (Budapest)

Firkin 

Un lustro despois de consolidarse como unha banda referente do folk-rock internacional, os húngaros chegan por primeira vez ao país para deixar pegada. Autoproclamados como “a tola banda irlandesa” non deixarán a ninguén indiferente grazas ao seu estilo tan característico e divertido. Amosarannos un novo xeito de vivir a música celta.

SPIN TE KÚ (04h) (Madrid)

spin te ku 

Coa mesma forza dun ariete, esta banda entra en escena en cada un dos seus concertos. A disco por ano e sen deixar de traballar en novas composicións, Spin Te Kú parecen non tocar teito. Revolucionando o panorama musical coa súa mestura de ska balcánico e krazy-klezmer, estes mozos madrileños farán imposible que o público se resista a bailar.