Este xoves preséntase o XXI Asalto ao Castelo de Vimianzo

Pre Cartel XXI Asalto ao CasteloO patio de armas do castelo de Vimianzo será o escenario para a presentación este xoves da programación do XXI Asalto ao Castelo. Será unha convocatoria aberta a todas aquelas persoas que esperan saber máis sobre a edición deste ano. Por primeira vez, a presentación realizarase na propia fortaleza, protagonista ineludible desta festa de inspiración histórica, que rememora a Gran Guerra Irmandiña acontecida entre 1467 e 1469, anos nos que foi destruído este e outros castelos.

A festa do Asalto supera xa as dúas décadas de celebración, engadindo moitas actividades e, sobre todo, aumentando a participación veciñal. Supera xa o ámbito de festa musical, mesturando teatro, gastronomía, ou mesmo deporte. Na presentación deste xoves darase conta das novidades deste ano e presentarase o cartel definitivo, do que xa se desvelou hai semanas unha das grandes atraccións deste 2016: a actuación de Celtas Cortos. Máis estrelas se unirán a eles para acompañar aos fachos até a fortaleza a noite do sábado 2 de xullo.

Data: Xoves 19 de Maio ás 12.30h

Lugar: Patio de Armas do Castelo de Vimianzo