Asalto ao castelo
Icono YouTube Icono Facebook Icono Twitter

Os irmandiños

A Clave das revoltas populares en Galicia entre os anos 1467 e 1469 hai que buscala nas continuas presións económicas e abusos dos señores feudais sobre os labregos, apoiadas polos burgueses das cidades que desexaban maior autosuficiencia na súa administración sen o control exercido polos grandes nobres de Galicia, especialmente durante o reinado de Enrique IV.

Nace nas cidades o xermen do levantamento, apoiada polo labregos, o baixo clero e algúns señores feudais da pequena nobreza que buscaban mellorar a súa situación. Calcúlase que uns 80.000 Irmandiños levantáronse en Galicia contra o poder establecido nestes anos, segundo as testemuñas de Juan de Melide no preito Fonseca-Tabera. Os Irmandiños derrocaron máis de 130 fortalezas, entre elas as Torres de Vimianzo en mans dos Moscoso.

Pese ás rápidas vitorias dos Irmandiños, o levantamento durou pouco tempo. Incapaces de controlar a situación debido á debilidade dos mandos, á falta de consistencia das Irmandades e á variada posición dos sublevados, os Irmandiños non puideron facer fronte á volta dos grandes señores que, recibiron axuda do rei e nobres de castela, retorna fortalecidos para acabar coa rebelión.

Algúns Irmandiños foron mortos (aforcados en carballos, como fixo cos rebeldes Pardo de Cela), outros obrigados a reconstruír as fortalezas traballando durante anos na súa edificación, así foi reconstruído o castelo de Vimianzo e así é como o coñecemos hoxe.

O Castelo

O Castelo de Vimianzo foi reconstruído a finais do século XV sobre unha fortaleza máis antiga (do S.XII ou XIII) como amosan os muros descubertos no interior do patio. O castelo, rodeado dun profundo foso, consta dunha planta poligonal irregular, catro torres rectangulares (unha delas conserva aínda as ameas en punta de diamante, a chamada Torre de Homenaxe), un patio de armas e outras dependencias.

Esta Fortaleza estivo longo tempo ligada a familia dos Moscoso, en 1464 figura como dono da fortaleza Bernal Yañez de Moscoso, quen mantivo preso ao Arcebispo de Santiago, Alonso II de Fonseca, entre 1465 e 1466. Un ano máis tarde a fortaleza dos Moscoso foi derrocada polos Irmandiños. Finalizadas as revoltas, Alonso de Fonseca apodérase da fortaleza e obriga aos propios Irmandiños á súa reconstrución. Volve as mans da familia de Moscoso no 1472. No último terzo do século XIX, Ramón Marcelo Núñez, pai do poeta Evaristo Martelo, compra o castelo. Actualmente pertence a Deputación da Coruña e utilízase a maior parte do ano para exposicións e mostras de artesanía en vivo.

A lenda do aforcado

O cronista da época, Vasco da Ponte, sitúa os feitos en 1471. Nese ano as Torres de Altamira –en Brión, lugar matriz dos Moscoso–  pasan a ser desputadas no campo de batalla polas tropas do arcebispo compostelán Alonso II de Fonseca.

A relación coa familia dos Moscoso tiña como precedente principal oficiar o casamento de Don Lope Sánchez de Moscoso con Constanza Gómez Pérez das Mariñas, cuxo matrimonio fora declarado nulo por consanguinidade (ademais de outras cuestión declaradas, como p. ex. que “non era home para muller”). Para intentar compensar ao conde, o mesmo arcebispo volve a casalo coa súa irmá Aldonza de Acevedo y Fonseca, contra a súa vontade. Tal é así que o noso cronista recolle que esta muller “foi aquela condesa de Altamira que se aforcou en Santiago”.

Naquela primeira batalla –a de Altamira– as tropas do arcebispo son derrotadas. Nunha segunda batalla continuadora do movemento irmandiño  –a do Castelo de Vimianzo, en posesión do arcebispo nesa época– as tropas lideradas por Lope Sánchez e outros fanse co Castelo e prometen non facer mal aos sometidos. A todos salvo a un, o peón Fernando de Xinzo, a quen quería tan mal (non se sabe o motivo, máis alá de ser un home de confianza do arcebispo e do que se sospeita que pertencera ao bando de Lope Sánchez) que o mandou aforcar.

Logo de facer todos burla del, é levado á forca. Xa en pleno aforcamento, Fernando de Xinzo chama pola Nosa Señora de Guadalupe para que interceda por el. De súpeto, unha forte treboada fai a súa aparición e tanto os executores como os espectadores foxen; a corda creba e o aforcado cae ao chan. Aínda con vida, logra ponerse en pé e fuxir cara ao monte. Máis tarde, coa axuda dun compadre pasa un ano en Guadalupe e logo volve á súa casa, rouco para a toda vida pola presión daquela corda.