O Asalto premia as mellores roupas medievais e as fachadas máis singulares

A organización do Asalto quere premiar o traballo da veciñanza que cada ano traslada a vila ao século XV, cando os irmandiños prepararon a guerra contra o sistema feudal que inspirou esta celebración. Por iso daranse varios premios, tanto para os mellores vestidos e traxes como para as fachadas máis singulares, diferenciando este ano os comercios e locais non hostaleiros das vivendas particulares.

promo facebook fachadas

Concurshow

Cada ano o número de veciños e visitantes que se visten ao xeito da época vai en aumento. Este ano impulsarase a creación dun concurso para o mellor traxe ou vestido medieval. Valorarase a orixinalidade, o esforzo e tamén a adecuación ao estilo do século XV.

As persoas que concursen terán que mostrar os seus vestidos e traxes o sábado 2 de xullo, na propia festa, ás 18.30 na Praza do Concello. Tralo desfile o xurado, relacionado coa materia, deliberará sobre os galardóns. Entregarase un pequeno detalle. Quen queira apuntarse debe enviar unha mensaxe ao facebook do Asalto ao Castelo ou ao correo electrónico. Prégase inscrición previa.

traxes medievais

IV Concurso de Fachadas

Alén da propia decoración medieval das rúas que prepara a organización, e a dos bares que participan nos pinchos irmandiños, é de vital importancia a colaboración dos vimianceses para decorar as fachadas e locais.

Na convocatoria do IV Concurso de fachadas, vista a demanda de anos anteriores, premiaranse por unha parte as vivendas e por outra os comercios engalanados.

As fachadas deberán estar engalanadas, como mínimo, venres 1 e sábado 2 de xullo. Recoméndase que as fachadas luzan decoradas durante toda a semana da festa.

Pode participar calquera casa, piso ou baixo comercial da vila de Vimianzo, quedando só excluídos os locais hostaleiros (bares, restaurantes e pensións). Unha mesma fachada pode ter distintos concursantes.

O prazo para presentarse ao concurso remata o mércores 29 de xuño.

A inscrición formalizarase enviando un correo a festa@asaltoaocastelo.org no que debe constar: nome e apelidos do/a concursante, teléfono, enderezo exacto da fachada (ou piso) coa que participa.

O xurado -que se fará público en tempo e forma- escollerá, en decisión inapelable, os seguintes premios:

Vivendas:

  • 1º Premio: Vale de compra por valor de 50 €
  • 2º Premio: Menú castrexo para dúas persoas

Comercios (e outros establecementos non residenciais):

  • 1º Premio: Menú medieval para dúas persoas
  • 2º Premio: Menú castrexo para dúas persoas

O concurso pode quedar deserto se o xurado considera que as fachadas presentadas non presentan calidade suficiente.

A decisión do xurado farase pública durante o propio sábado 2 de Xullo, ás 19h15 na Praza do Concello. Posteriormente tamén se publicará o resultado nas redes sociais.

1premio_fachadas