O Asalto ao Castelo de Vimianzo reforza a participación veciñal na súa XIX edición

O Asalto ao Castelo chega case ás súas dúas décadas cun programa de actividades reforzado e ampliado que se desenvolverá durante toda a fin de semana. O sábado 5 de xullo será o día grande da festa irmandiña, pero a expectación irá in crescendo xa desde a fin de semana previa coa presentación, o sábado 28 de xuño, dunha Antoloxía poética da obra do poeta Evaristo Martelo por parte do Concello na que fora a súa vivenda, a propia fortaleza. E a partir de aquí toda unha Semana Cultural do Asalto, dende o luns 30 de xuño ao venres 4 de xullo.

 

VII Pinchos irmandiños
Case unha vintena de locais da vila participan na sétima edición dos Pinchos Irmandiños, que se repartirán dende o martes até o sábado, desde as 12h ás 15h e pola tarde das 19h ás 23h. Este ano aumenta a calidade culinaria, xa que os hostaleiros participaron previamente nunhas sesións formativas co mestre Miguel Silvarredonda, nas que se lles deron ideas para a presentación dos pratos e sobre todo, propostas para crear petiscos diferentes cos ingredientes medievais (recordar que queda prohibido todo alimento que non fora descuberto aínda no país no século XV).

 

V Cea medieval
Na véspera (4 de xullo) do día grande da festa celébrase unha concorrida velada ambientada no medievo na que se pode degustar un menú propio da época no mesmo foxo do castelo (20€). Cada ano medran as peticións de entradas, porén o espazo é reducido xa que non se poden reunir máis de 300 comensais.
Este luns 2 de xuño abre o prazo para comprar as entradas ó público en xeral que queden libres, 4 por persoa. Os puntos de venda serán os seguintes: a Casa da Cultura de Vimianzo; a Administración de Lotaría de Vimianzo; ou se non, de maneira virtual, a través do portal de venda online www.servinova.com.
Con todo, quen non poida asistir á Cea, terá ocasión igualmente de gozar dunha actividade teatral (Quinquilláns: A traizón) e outra musical (Muxarega) a partir da unha da madrugada, cando se abran as portas a todo o público que queira asistir, de balde.

 

NovidadesJulio
A festa do Asalto ao Castelo consolida as súas actividades máis queridas e ó mesmo tempo vai introducindo ideas novas. Este ano, a Irmandade Parroquial será un dos puntos fortes do programa. Celebrarase o sábado pola tarde cando as parroquias vimiancesas, fartas de tanto abuso por parte dos señores feudais, decidan unirse nun acto ben fermoso. Os irmandiños de Baíñas, Pasarela, Berdoias, Carnés, Salto, Treos, Vimianzo e mesmo doutros países europeos desfilarán polas rúas da vila para reunírense despois na praza do Concello onde erguerán a bandeira irmandiña.
Outras das novidades serán as sesións vermú con Bolombo (sábado) e Medio Quinhón (domingo) na praza Castelao. Tamén a visita guiada ó Castelo máis ao pazo de Trasariz (sáb. 5 ás 17h), lugar onde se realizaban as primeiras festas.
Con todo isto, o programa de actividades é moito máis:

  • A IV Feira Artesanal. O sábado na praza do Concello. O prazo para apuntarse e colocar un posto (gratis) aínda está aberto
  • O Baile Tradicional Galego: movementos infantís e adultos ao compás da tradición.
  • Actividades Deportivas: como a exhibición de Tiro con Arco.
  • Obradoiros infantís relativos ó medievo.
  • Actividades de Rúa: ilusionismo co mago Charlangas e Circuíto Musical
  • Procesión da Santa Compaña: a clásica cita dos xoves coas almas irmandiñas mortas na compaña exótica da Charanga Fantástica, que animan os Pinchos Irmandiños.
  • Poxa de Escravos e do ariete. Neste último podes conseguir ser un dos que agarren o madeiro que tirará a porta abaixo do castelo.
  • Castelo Vivo. Un espectáculo teatral da man dos Quinquilláns o domingo.
  • II Concurso de Fachadas: Aberto o prazo para inscribirse e poder gañar tres fantásticos premios, ademais de colaborar en crear un Vimianzo máis medieval e fermoso.
  • Pasarela medieval. Ademais de presentar os traxes que se poden alugar ou mercar, tamén é oportunidade de presentar novas propostas de deseñadores amadores.

 

Noite de concertos
O Asalto ao Castelo retoma nesta edición a forte aposta polo folk nacional, con grupos como Samarúas ou Susana Seivane e a tradición galega da man de Galiza, último disco de Kepa Junkera. O frenético baile final pono Muyayo Rif.

 

Samarúas (22:00h.)
Samarúas é unha nova proposta folk que comeza a tallar o seu contorno artístico para exhibilo no gran escaparate da música galega.
A cabalo entre a creación propia e a reinterpretación do tradicional, e tendo presente a Costa da Morte, as súas xentes e o seu mar, combinan temas propios cos tradicionais nun folk fresco con personalidade propia. Veñen da canteira da música tradicional que eles recrean e preséntannos un proxecto integrado por gaita, percusións, voz, acordeón, violín e guitarra.
Un novo son que xurde das inquedanzas musicais dos seus integrantes.

 

Kepa Junkera (01:00h.)
Con 14 álbums, 8 singles e numerosas colaboracións con artistas de todo o mundo as súas costas, Kepa Junkera é un dos músicos máis internacionais do País Vasco.
Os seus traballos discográficos, improvisacións e fusións de estilos revolucionaron o mundo da música.
Agora vén a presentarnos o seu último traballo chamado Galiza. Sons de Galicia mesturados coa txalarpa, a trikitixa, irrintzis, pandeiretas vascas… un traballo espectacular en todos os sentidos.

 

Susana Seivane (02:30h.)
Hoxe é unha das grandes estrelas galegas xurdidas do boom da música folk. Comezou a súa andaina da man do seu pai Álvaro Seivane e influenciada por mestres gaiteiros. Co paso dos anos, conseguiu o respecto e admiración do mundo da gaita e da música tradicional do país.
Presentaranos o seu último traballo, Os soños que volven: con melodías da súa infancia é a banda sonora da súa nenez.

 

Muyayo Rif (04:00h.)
Muyayo Rif é unha banda que nos trae ritmos urbanos como o punk, ska, reggae, latin ou rock. Co seu potente directo onde predomina a enerxía, a festa e a crítica social, volven presentar batalla cun disco cheo de positividade cara o cambio. Despois de triunfar por toda Europa preséntannos Maldita comedia, onde recuperan o ska sen esquecer a marca da casa, a sección de metais.

 

Representación irmandiña
Toño-CasaisCos fachos na man, os irmandiños corren ó castelo de Vimianzo para tomalo despois das innumerables inxustizas que padecen. O público forma parte do tumulto e participa na loita, tanto grandes coma pequenos. Precisamente, os cativos terán unha toma alternativa: o Asaltiño, que se consolida ano a ano con grande éxito de participación xuvenil (o sábado de 16.30h a 18h).

 

Xa nun horario para maiores, terá lugar no campo da festa a representación teatral, que esta vez vén da man do actor e director Toño Casais (da compañía Talía Teatro). No cásting celebrado na noite do sábado xa se puideron elixir as caras de nobres e rebeldes.
A A.X. Cherinkas e AXVALSO queren agradecer o traballo desinteresado de todos os veciños que colaboran por crear unha festa única fóra dos estereotipos de mercados medievais que se poden atopar por todo o continente. Teatro, música, revolta, gastronomía, liberdade, festa, voluntariado… o Asalto é todo isto e moito máis.