Grupos Musicais

Manu Chao acústico

O artista de sona internacional, Manu Chao estará en Vimianzo o sábado 6 de xullo. Unha oportunidade única, pois é un dos poucos concertos que ofrecerá en Galicia en 2024.

ENTRADAS

Consigue a túa entrada para Manu Chao acústico

El Chapulín solo, Manu Chao en formato acústico, chega cun formato perfecto para o ton do Asalto ao Castelo de Vimianzo, unha festa inspirada nas revoltas irmandiñas do século XV, actualizadas e reinterpretadas no presente. O artista de raíces vilalbesas, aproveitará a súa breve estancia en Galicia para visitar Vimianzo, un festival moi singular celebrado na Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte.

Manu Chao abrirá a noite de concertos do sábado, antes da propia toma do castelo, e formando parte dun amplo cartel musical que aínda está por desvelar. Dous días de concertos e con nomes e grupos destacados do panorama nacional e internacional da música de raíz e combativa.

Como na edición anterior, o seu concerto será un evento especial para o que haberá que conseguir entrada. Non será así para o resto de actividades dos máis de dous días de festa, polo que continúa sendo de entrada gratuíta tanto a representación teatral do Asalto como os concertos de toda a madrugada posterior, que se desvelarán proximamente.

As entradas para o concerto das Manu Chao acústico poranse á venda o xoves 4 de abril ás 12h00 en woutick.es, cun prezo de saída de 15 euros. Unha oferta con entradas limitadas antes de que teñan o prezo ordinario de 20€ online e 25€ no despacho de billetes presencial o propio día do evento.

Boikot

Boikot é un clásico do punk, nacido en Madrid en 1987. As súas letras combativas e de compromiso social traspasaron fronteiras, xirando habitualmente por América latina e Europa. A banda foi fundada por Alberto Pla, xunto ao baixista  Juankar Cubano e o batería Xabi Flores.

Süne

Süne é o novo proxecto en solitario de Josune Arakistain, vocalista e trikitilari do grupo Huntza, que se despedía hai uns meses dos escenarios e que daba o ano pasado un dos seus últimos concertos en Vimianzo. A artista vén de adiantar estes días o primeiro single do seu debut “Lau korapilo”, que presentará en primicia en Galicia no Asalto ao Castelo. Nel adivíñase o ton do seu novo proxecto, partindo da tradición da trikitixa á electrónica.

Mondra

Se falamos de tradición levada ao contemporáneo en Galicia, rapidamente pensamos en Mondra. Martín Mondragón é un dos artistas que máis está dando que falar na música galega actual. Trala presentación de Ardén na Muiñada de Vimianzo, outro dos festivais marca Cherinkas, quedaron ganas no público de volver desfrutar do seu espectáculo con temas como Beijos de LK, Ruando ou Punheta!

Monoulious DOP

Na última edición da Cea Medieval, o grupo de Ula e Mon, quedaron coas ganas de acabar o seu espectáculo debido á chuvia, por iso volverán ao Asalto para quitar esa espiña cravada. Monoulious DOP é un grupo gamberro, con máis dunha década de carreira musical, que fai de cada concerto un verdadeiro frenesí de risas e baile.

Festicultores

Festicultores fechou a última edición do Asalto ao Castelo cun público que non quería marchar para casa (nin eles tampouco). Os cultivadores de festas volverán para asegurar diversión, para terminar un Asalto “salvaxe” baseado na música, o humor, o baile e a desinhibición cerebral.

Flow do Toxo

Finalmente, as galegas Flow do Toxo chegan desde O Condado para combater o patriarcado, defender o rural e o feminismo a través das súas letras reivindicativas. O grupo de rap naceu en 2018 en Ponteareas e desde aquela non deixaron de sacar temas, tamén en colaboración con outras artistas, como a rapeira vasca La Basu, a brass band galega Brassica Rapa e a cantante de rap valenciana Tesa.