Asociacionismo

Tal vez unha ponte poida explicar dun golpe o principal que a idea asociacionismo engloba.

Por unha banda, forma unha mole conformada por milleiros de partículas visibles ou non e, por tanto, ofrécesenos como un alto exemplo de cohesión, sendo a compoñente anónima a súa parte máis numerosa.

Por outra banda, supón tamén atrapar o tempo: comunicar o pasado co presente; por suposto, de xeito literal mais, alén diso, de xeito xeracional. E, deste xeito, os ollos da ponte son, ademais, testemuños e testemuñas do paso do tempo e do relevo natural dos días e das persoas.

O Asalto é a nosa grande ponte.

Cos seus ollos lembra a Axvalso nos seus inicios a contracorrente tecer con pedra para a sociedade.

Onte, A. C. Cherinkas tomou o relevo daqueles canteiros e continuo a labrar na pedra máxica.

Hoxe, os seus alicerces semellan sólidos: foron sumándose a esta construción de nunca acabar a A.C. Trubisquiña, o Clube de Tiro con Arco 2×70, a Foliada de Salto, os Airiños do Río Grande, a A. C. Fray Diego, a Asociación Cabalar Monte Faro, as Dancetekas, a Escola de Pintura, a veciñanza de Salto, Carnés, Treos, Berdoias, Pasarela e Baíñas, mesmo a Asociación Ambiental Senda Nova e, por descontado, un inmenso caudal de voluntariado.

Mañá, a ponte precisará de novas mans amigas que se esforcen por e para outros, no relevo natural dos días e das persoas.

E os grandes ollos do Asalto asentirán outra vez con sabedoría e amor.