Ábrense os prazos de retirada de entrada para a Cea Medieval do Asalto

A Cea Medieval que se celebra o venres 1 de xullo, na véspera do día grande do Asalto ao Castelo de Vimianzo, reúne a centos de persoas no foso da fortaleza para comer pratos da época irmandiña e coller folgos antes de tomar a fortaleza. É sen dúbida un dos momentos máis agardados da celebración e no que moita xente lamentablemente ten que quedar fóra debido ao aforo limitado do recinto histórico.

Ademais da cea e do espectáculo durante a mesma, ao remate (á unha da madrugada) abriranse as portas do foso ao público en xeral para poder asistir aos espectáculos teatrais e musicais.

Ao igual que o ano pasado, este será o sistema de venda de entradas (prezo de 25 €) para a VII edición da Cea Medieval:

  1. Haberá un primeiro prazo de venda de entradas para patrocinadores e colaboradores. Este prazo rematará o 31 de maio. O número máximo de entradas que se poden comprar é de 2 por persoa. As entradas terán que ser solicitadas a Diego Hermida (festa@asaltoaocastelo.org ou 660 755 517, preferentemente vía Whatsapp). A xente que aínda non estea identificada como axudante e desexe botar unha man, pode anotarse a través de Diego Hermida e, ao mesmo tempo, para comprar entradas para a cea se o considera oportuno.
  2. A partir do 1 de xuño e até esgotar existencias poranse en venda as entradas que queden libres. O máximo número de entradas a sacar nesta fase será o de 4 por persoa. As entradas tan só se poderán obter a través do portal de venda online www.ataquilla.com.