Xa están abertas as inscricións para a VI Feira Artesanal do Asalto ao Castelo

Feira Artesanal Vimianzo

Feira Artesanal Vimianzo

A praza do Concello de Vimianzo volverá encherse de novo de feirantes no sábado do Asalto, 2 de xullo. Deste xeito consolídase a sexta edición dun mercado baseado na artesanía e produtos ecolóxicos. A feira combínase con diferentes actividades da programación do sábado que fan que en todo momento haxa algo que facer.

O prazo para apuntarse como feirante xa está aberto e remata o xoves 30 de xuño. Cómpre lembrar que na VI Feira Artesanal non se poden vender produtos destinados a seren consumidos durante a propia feira. Si está aberta á artesanía e produtos ecolóxicos. Outro elemento imprescindible a ter en conta é que se debe ambientar o posto (que non pode superar os 3 metros de ancho) ao estilo do medievo e tamén ir vestidos da época.

Para poderen participar, os interesados deben abonar 20 euros en concepto de fianza no seguinte número de conta (ES61 0133 6801 7942 0000 1284) dos cales 10€ seranlle devoltos no caso da súa asistencia á feira, mentres que os outros 10 servirán como fondo para a colaboración coa festa do Asalto ao Castelo. No caso de non asistir, non lle serán reembolsados os 20€. Debe achegar xustificante de pago, onde figure o nome e apelidos do feirante, o nome do posto e sinalar como concepto “FEIRA ARTESANAL”. Este pode ser fotografado ou escaneado e envialo a través do formulario na web http://www.asaltoaocastelo.org/feira-artesanal/ ou á conta de correo (info@asaltoaocastelo.org).

Para máis información info@asaltoaocastelo.org ou 665957289.