Grupos Musicais

VENRES 5 DE XULLO

Cea Medieval – Foso do castelo de Vimianzo

A Requinta da Laxeira

A Requinta da Laxeira é un clásico na música tradicional, nacido para recuperar a requinta, un instrumento característico da zona da Ulla. Un grupo ben festeiro para bailar e gozar coa nosa música.

 

 

Blues do País

Bieitta James e Pepe King versionan clásicos do Blues, Soul, Rhythm’n’Blues e adáptanos á idiosincrasia e retranca galegas en Blues do País. Todo isto mesturado con teatro, clown e improvisación.

 

SÁBADO 6 DE XULLO

TARDE: Praza do Concello

20:20 | Des-Concerto: Monoulious Dop

Monoulious DOP nace en 2012 como un proxecto musical único e exclusivo para internet, que empeza a facerse viral pola súa retranca. Isto anima a Ula e Mon a crear un grupo de rock, co que xa ofreceron un bo número de concertos pola xeografía galega. Tralo seu primeiro disco, “LP Padre”, non deixan de sacar material con retrousos pegañentos “e música contundente que fai brincar, rir e chorar”.

21:15 | Música con Marcos (Praza Castelao)

Trampulleiro

Banda de música funk vimiancesa de xente moi nova e que sorprenden pola súa destreza, calidade musical e boas vibracións.

Vai de Roda

Desde Rianxo chega unha charanga de música tradicional que vai animar o ambiente levando os irmandiños até o foso do castelo, onde amenizará a espera para a batalla final.

NOITE-  Asalto ao Castelo: Campo da festa da Torre

22:00 | Luar na lubre

Desde o seu nacemento en 1986, a banda musical Luar na Lubre forxou unha fulgurante carreira que os levou a percorrer algúns dos mellores escenarios do mundo representando a Galicia e sendo a súa icona musical recoñecible internacionalmente.

O seu característico son emerxe das raíces tradicionais galegas, coa recollida e recuperación de cantares, sons, melodías e instrumentos ancestrais, mesturando en ocasións esta base coa coñecida como “música celta” e a doutros pobos.

Con 18 discos publicados, o seu último traballo Ribeira Sacra no que se inclúen colaboracións de renome, como coas que vén contando ao longo da súa carreira (Víctor Manuel, Ses, Marisa ValleRoso…), naceu no mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) e pon en valor a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio.

Ademais deste traballo, a banda liderada por Bieito Romero repasará en Vimianzo grandes éxitos do grupo. Será a segunda vez que visiten o Asalto (estiveran tamén un 6 de xullo en 2013), pero desta vez a cita será máis emotiva coas novas incorporacións soneirás á banda: a voz da vimiancesa Irma Macías e o violín de Antía Ameixeiras.

 

 

01:00 | Esne Beltza

Escoitar a trikitixa (acordeón vasco) mesturada con sons electrónicos ou de cumbia é toda unha animada experiencia á que o grupo Esne Beltza convida. A banda defínese como “unha cocteleira de cores da música vasca”, coas súas diversas influencias que van desde o hip hop, o reggae, o soul, o rock ou o folk.

Desde a súa formación en 2007, contan con sete álbums publicados. O seu último traballo Ni, producido por Mark Da Sousa, está cheo de ritmos bailables, múltiples colaboracións e unha mensaxe de liberdade sobre as persoas transxénero. Durante a súa carreira teñen contado coa colaboración de recoñecidos artistas como La Pegatina ou El Canijo de Jerez.

 

02:30 | Mafalda

A banda valenciana foi todo un fenómeno viral polo seu documental “Las que faltaban” (2018) sobre a pouca presenza de mulleres nos carteis musicais dos festivais. Un grupo loitador, reivindicativo e feminista con múltiples influencias musicais que van desde o reggae, ska, funky, punk e mesmo o hardcore. Desde a banda califícanse como “imprevisibles no son, coherentes na mensaxe e radicais para analizar os problemas”.

Aínda que comezan agora a soar con forza, Mafalda xa leva varios anos de carreira musical, desde o seu nacemento en 2010 en Valencia. En Vimianzo veñen cun novo álbum baixo o brazo: Palabras forman caos. A banda explotará no campo da festa da Torre todo o seu potencial irmandiño co seu espectáculo de “luz e ruído do bo”.

 

04:00 | Skandalo Gz

Banda de ska/punk galega nacida en 2007 con base en Ponteareas. Con tres discos e máis de 10 anos de loita por toda Galicia e por España, o seu dinamismo dará remate aos concertos.

“Raiba e paixón” ou “Diversa e diferente” son os últimos singles desta banda guerreira, cun son tremendamente divertido que fará que as irmandiñas e irmandiños non deixen de saltar e bailar.