O Asalto ao Castelo máis musical chega a Vimianzo

A dúas semanas da celebración da gran festa irmandiña da Costa da Morte, Vimianzo presentou esta mañá no seu castelo a 24ª edición do Asalto ao Castelo. Un festival singular en Galicia no que se funde o actual coa inspiración medieval das revoltas das irmandades no século XV, co seu espírito reivindicativo e de loita. Gastronomía, teatro, espectáculo, deporte e, sobre todo, música. Este ano a organización realiza unha maior aposta pola música, tanto na rúa como nos diferentes concertos que se sucederán os días 5 e 6 de xullo.

O venres, trala Cea Medieval no foso do castelo, tocarán nun dobre concerto Blues do País e A Requinta da Laxeira. O sábado 6, día grande, como novidade haberá sesión de tarde na vila Monoulious DOP, Trampulleiro e Vai de Roda, para xa á noite comezar cos grandes concertos no Campo da Festa co referente folk Luar na Lubre, os vascos Esne Beltza e os reivindicativos Mafalda e SkandaloGz.

Na medianoite do sábado, entre os concertos, chega o momento álxido da festa: o Asalto ao Castelo, cunha representación teatral na que o propio público se convirte en irmandiño e asiste ao terror dos poderosos, para despois vingarse dirixíndose á fortaleza con fachos, ariete, berros e batalla de auga.

Unha semana antes, o sábado 29 de xuño dará comezo oficialmente a festa coa celebración da V Legua Irmandiña, unha carreira con distancias do medievo que ten como fermosa meta no solpor o propio castelo de Vimianzo. Para inscribirse o prazo está aberto en galitiming.com

Trala carreira, os XII Pinchos Irmandiños animarán a vila desde o martes ao sábado. Nesta edición, organizada pola Hostalería de Vimianzo, participan catorce propostas que só poden levar como ingredientes produtos que existisen no século XV en Galicia. Na exitosa cita poderanse premiar ao establecemento mellor decorado e ao mellor petisco. E se se fala de gastronomía medieval, a gran referencia é a Cea Medieval que este ano cumpre dez edicións. Xa están as entradas esgotadas para esta cita na que os comensais se reúnen no foso do castelo, nunha velada precedida polo xa consolidado Enlace Irmandiño. Unha voda na que parellas reais ou imposibles casan polo inventado rito irmandiño. As parellas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa organización.

Durante a xornada do sábado nas rúas de Vimianzo desenvólvese a IX Feira Artesanal e haberá varias actividades novas, como un xadrez humano, varias demostracións e obradoiros de esgrima antiga cos expertos vigueses do Club Falcata HEMA ou a presentación do libro ilustrado Romance Irmandiño (para un Cantar de Cegos), con textos de María Xesús Barbeira e ilustracións de Rubén Rial. Estas súmanse a actividades infantís, xogos e ás grandes citas da tarde, como son o Asaltiño, a Visita Dramatizada do castelo, o desfile das Irmandades Parroquiais da Terra de Soneira ou o pregón e izado da bandeira irmandiña, este ano da man da xornalista vimiancesa Alba Mancebo.

 O Asalto ao Castelo ten detrás o traballo da veciñanza e de asociacións sen ánimo de lucro. Cherinkas, AXVALSO e o Concello son as entidades sobre as que recae o peso principal deste evento, mais outros colectivos da vila e comarca fan posible a celebración da festa, que este ano fecha o 550 aniversario da Guerra Irmandiña, coa conmemoración da derrota da Revolta.

Na presentación desta mañá participaron Manuel Rial, da As. Cherinkas; Marta Miñones, de Axvalso; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo acompañada de varios membros do goberno local e José Manuel Pequeño, deputado provincial.

PODES CONSULTAR AQUÍ O PROGRAMA COMPLETO