Dez anos de Cea Medieval con concertos abertos

Vai creando expectación xa a Cea Medieval, unha das actividades de máis éxito da festa do Asalto ao Castelo de Vimianzo, na que axiña se esgotan as entradas. É por iso moi importante estar atento aos prazos de venda dos billetes para non quedar sen gozar dunha velada única. Unha ocasión especial para degustar un menú propio da época no venres previo ao Asalto, este ano o venres 5 de xullo.

Como gran novidade, este ano a organización aposta por dobrar a oferta musical da noite ofrecendo dous concertos diferentes. O toque de música tradicional marcarano os sons da Requinta da Laxeira e o punto gamberro e diferente o dúo de Blues do País.

Os concertos realizados no mesmo fermoso espazo que a Cea: o foso do castelo, son gratuítos e abertos a todo o público, sen necesidade de comprar entrada. Non así, a X Cea Medieval, que ten un prezo de 25€ para poder degustar un  menú especial da época transportados polo lugar e compaña á Idade Media. As entradas póñense á venda en dous prazos.

1) Aberto desde esta semana o primeiro prazo de venda de entradas para patrocinadores e colaboradores. Este prazo finaliza o 26 de maio. O número máximo que se poden comprar é de 4 por persoa. As entradas terán que ser solicitadas a través dos seguintes medios festa@asaltoaocastelo.org ou 607 322 430 – preferiblemente por Whatsapp.

A xente que aínda non estea identificada como axudante e desexe botar unha man pode anotarse a través dos mesmos medios de contacto, ao mesmo tempo, para comprar entradas para a cea se o considera oportuno.

2) A partir do 28 de maio e até esgotar existencias poranse en venda as entradas que queden libres. O máximo número de entradas a sacar nesta fase será o de 4 por persoa. As entradas tan só se poderán obter a través do portal de venda online www.ataquilla.com.

 

CONCERTOS

A Requinta da Laxeira é un clásico na música tradicional, nacido para recuperar a requinta, un instrumento característico da zona da Ulla. Un grupo ben festeiro para bailar e gozar coa nosa música.

Bieitta James e Pepe King versionan clásicos do Blues, Soul, Rhythm’n’Blues e adáptanos á idiosincrasia e retranca galegas en Blues do País. Todo isto mesturado con teatro, clown e improvisación.