Comezan as primeiras inscricións para a IX Feira Artesanal de Vimianzo

A feira de artesanía do Asalto ao Castelo de Vimianzo cumpre nove edicións sendo un magnífico escaparate de artesáns locais e de toda Galicia de produtos ecolóxicos e manufacturados. Durante todo sábado 6 de xullo a feira compleméntase coa oferta lúdica de actividades, música e celebración nas rúas da vila, alén da Mostra de Artesanía ao Vivo que se poderá ver a pleno rendemento no interior do castelo.

O prazo para apuntarse como feirante xa está aberto e remata o xoves 4 de xullo. Cómpre lembrar que na IX Feira Artesanal non se poden vender produtos destinados a seren consumidos durante a propia feira, algo que diferencia esta feira de calquera outra do estilo, na que se potencia polo tanto o consumo na hostalería local. Outro elemento imprescindible a ter en conta é que se debe ambientar o posto ao estilo do medievo e tamén ir vestidos da época.

Para participar, débense aboar 20€ por cada tramo de 3 metros de posto en concepto de fianza. A metade dos cartos ingresados seranlle devoltos no caso da súa asistencia á feira, mentres que a outra metade servirá como fondo para a colaboración coa festa.

Para inscribirte e consultar as bases fai click nesta ligazón.