O Asalto ao Castelo celebra os 550 anos do histórico ataque

Achégase o verán e con el, o calor do lume dos fachos da revolta do Asalto ao Castelo de Vimianzo. A súa vixésimoterceira edición celebrarase o sábado 7 de xullo, cunha semana de actividades previas nas que non falta a música, o teatro, a gastronomía e mesmo o deporte.

O Asalto ao Castelo de Vimianzo non é unha festa histórica. Na celebración fúndese o actual coa inspiración medieval das revoltas das irmandades, co seu espírito reivindicativo e de loita, como naceu en 1996. O espírito asociativo segue vivo, involucrando a toda a vila que traballa durante todo o ano con entusiasmo e agarimo para realizar esta festa feita polo pobo, na que ninguén se sinte estranxeiro.

Na presentación estiveron (de esquerda a dereita) Marta Rey, concelleira de cultura; Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo; Marta Miñones de Axvalso e Manuel Rial de Cherinkas

550 anos do histórico ataque ao castelo

No marco da celebración do 550 aniversario da Guerra Irmandiña (1467-1469), este ano rememórase o momento do ataque histórico á fortaleza. Este feito e a propia historia do castelo viviranse teatralmente na representación nocturna do Asalto ao Castelo e na Historia Dramatizada do castelo.

Na representación, dirixida por Soraya Lema con actrices e actores voluntarios da comarca, vívese o momento no que a Santa Irmandade está impoñendo a Xustiza no reino de Galicia e, especialmente, na Terra de Soneira, trala victoria irmandiña en moitos castelos. A familia Moscoso non deixará tan facilmente que o pobo se goberne a si mesmo. Non quedará outro remedio que atacar o castelo de Vimianzo, o refuxio dos malfeitores. A actualidade estará presente coma sempre na peza teatral que rematará coa tradicional batalla no foso do castelo con globos de auga e o ariete derrubando a porta da fortaleza. Como novidade, este ano realizarase unha preestrea da peza no auditorio vimiancés o mércores 4 ás 21h30.

Previamente, pola tarde, no patio do castelo, alumnado do IES Terra de Soneira dará vida á historia da fortaleza: Dos Feitos e Desfeitos que estas Pedras Viviron, dos Tempos das Cantigas aos do Electrolatino. Alén diso, as propostas do Concello de Vimianzo na fortaleza completan a parte histórica con visitas guiadas no castelo todos os días ao mediodía e visitas teatralizadas o domingo 8 co grupo Os Quinquilláns.

 

Maior calidade nos Pinchos Irmandiños

Do martes 3 ao sábado 7 de xullo, dezasete locais hostaleiros da vila ofrecen petiscos singulares nos que non se pode utilizar ingredientes que non existisen na Idade Media galega. Nunha aposta pola calidade e mellora constante do certame dos XI Pinchos Irmandiños, o equipo Guitián & Mayer asesorou e valorou previamente as propostas para que acadasen un nivel satisfactorio. Ademais este ano o concurso contará cun xurado anónimo, ademais do público, que valore os diferentes petiscos pola súa creatividade, calidade, presentación…

A outra gran base gastronómica da festa é a IX Cea Medieval, que esgotou as súas entradas en poucas horas este pasado luns. Perto de medio cento de persoas ceará o venres 6 de xullo no foso do castelo, vestidos de época e podendo gozar das actividades de animación, e xa despois aberto a todo o público o concerto do grupo Carapaus.  Antes de comezar a cea terá lugar o Enlace irmandiño, unha voda singular de inspiración medieval pero ao xeito do Asalto.

 

Todo un día de actividades

O Asalto non é unha festa nocturna, é unha festa para todas as idades que se celebra durante todo o día. O sábado 7 de xullo comezará a Feira Artesanal a partir das 10h no centro da vila con diferentes actividades que amenizarán a xornada. Entre elas hai que destacar o Asaltiño, o ataque ao Castelo para os máis pequenos que comeza na praza e remata no propio foso como os maiores. A batalla de auga é o elemento máis divertido desta cita que é todo un éxito de público. Outra actividade recente, pero fundamental, é o desfile das Irmandades Parroquiais, abertas á participación de toda a Terra de Soneira histórica (concellos de Camariñas, Vimianzo, Zas, Laxe e parte de Cabana). Este desfile de tropas irmandiñas chegadas de diferentes parroquias acabarán na praza do concello, reuníndose para o ataque final da noite, a lectura do pregón e o izado da bandeira irmandiña. Lembramos que está aberto o prazo para inscribirse nesta actividade, na Feira Artesanal e no IV Concurso de Fachadas que ambienta a vila durante a celebración.

 

Música por todas partes

Tralo concerto do venres, o sábado toma o relevo musical cunha sesión vermú na praza do Concello con Trampulleiro e música nas rúas con diferentes sons tradicionais e de músicas do mundo. Xa á noite no Campo da festa animarán os irmandiños as pandeiretas de Ialma, galegas afincadas en Bruxelas. Unha vez asaltado o castelo, a música continúa coa nostalxia dos Inmaculate Fools, os éxitos de Amparanoia e o punk festeiro de Terbutalina.

 

… e deporte

O sábado 30 de xuño ás 21h quedará inaugurado o Asalto ao Castelo coa celebración da carreira nocturna da Legua Irmandiña. Trátase da cuarta edición dunha carreira popular vertebrada co Castelo e cunha distancia baseada nas antigas unidades de medida con distintas modalidades para todas as idades.

 

Organización

O Asalto ao Castelo ten detrás o traballo da veciñanza e de asociacións sen ánimo de lucro. Cherinkas, AXVALSO e o Concello son as entidades sobre as que recae o peso principal deste evento, mais outros colectivos da vila e comarca fan posible a celebración da festa.