Asaltamos o castelo parroquia por parroquia

A organización do Asalto ao Castelo de Vimianzo fai un chamamento á veciñanza da Terra de Soneira para que participe na festa no desfile das Irmandades Parroquiais. Este terá lugar o sábado 7 de xullo á tarde, e para a súa realización son poucas as esixencias: compromiso, ir vestidos de irmandiños e ter ganas de pasalo ben.

Esta será a quinta edición dun desfile que comezou sendo unha reunión de parroquias do concello e que agora é unha celebración para toda a comarca histórica. O ano pasado reunimos a centos de persoas na vila de catorce parroquias dos concellos de Vimianzo, Camariñas, Laxe, Zas e Cabana. Para esta próxima edición a organización procura mellorar a experiencia, realizando un desfile dinámico, divertido e participativo.

Para participar, o primeiro é ter un grupo de persoas, sexa por medio dunha asociación ou por libre (mínimo cinco individuos), e representar a algunha parroquia dos concellos de Vimianzo, Zas, Camariñas, Laxe ou Cabana. Unha vez confirmado o grupo hai que poñerse en contacto coa asociación do Asalto ao Castelo, ben a través das redes sociais, correo electrónico info@asaltoaocastelo.org ou do teléfono 669735349. Máis información nesta ligazón.

Para a organización desta actividade convócase unha reunión informativa este xoves 24 de maio ás 20h30 na Casa da Cultura de Vimianzo.