A carreira do medievo de Vimianzo xa abriu o prazo de inscrición

No marco do Asalto ao Castelo de Vimianzo, a organización prepara a terceira edición dunha especial carreira que se celebra o sábado 17 de xuño. A distancia está baseada nas antigas unidades de medida, sendo a maior coincidente cunha Legua (aproximadamente 5 quilómetros e medio).
A carreira nace imbuída do espírito do Asalto, de tal xeito que a chegada ao Castelo estará ambientada e decorada, máis alá dese momento final monumento e da competición organizada no morrer do día. Agradécese que as persoas asistan á carreira vestidas de irmandiñas.


Todas as idades terán acubillo nas distintas categorías que conforman a carreira. Alén disto, por segundo ano, contaremos cunha carreira protagonizada por persoas con diversidade funcional, co gallo de contribuír a inclusión destas persoas na sociedade.
Haberá cinco saídas para as diferentes categorías:

Categorías Datas nacemento Categorías Datas nacemento
Pitufos (2010-2013) Cadete (2002-2003)
Benxamín (2008-2009) Xuvenil (2000-2001)
Alevín (2006-2007) Absoluta (1999 e anteriores)
Infantil (2004-2005) Inclusiva (1999 e anteriores para as persoas con diversidade funcional que así o desexen)

Probas Horario Distancia
Irmandiña Pitufos 21:00 100 m aprox.
Irmandiña Benxamín e Alevín 21:15 900 m aprox.
Irmandiña Infantil, Cadete e Xuvenil 21:40 2.000 m aprox.
Legua Irmandiña 22:00 5.500 m aprox.
Carreira Inclusiva 22:00 1.200 m aprox.

Para controlar as probas estableceranse controis de cronometraxe por chip. Todas as probas, agás a categoría pitufo, serán cronometradas por prueba-T. A proba de categoría pitufo iniciarase no mesmo punto en que finaliza, isto é, na praza do concello. O resto das carreiras terán a saída na praza do concello e a meta no castelo de Vimianzo.
Será obrigatorio o uso de chip e dorsal para todas as categorías (facilitado pola organización), agás pitufo que non precisa chip.
A mesa de recollida de dorsais abrirá ás 19:30 e estará ubicada na Casa do Concello. Para animar a recollida haberá xogos para os máis pequenos: as Olimpíadas Irmandiñas. Os dorsais e chips poderanse recoller até 30 minutos antes do inicio da proba.
Formas de inscrición
O prazo de inscrición para todas as categorías pecharase o xoves 15 de xuño ás 23:59h., e non se aceptará ningunha inscrición unha vez rematado dito prazo.
As inscricións para os atletas das categorías absolutas realizaranse a través da páxina web www.prueba-t.es
A cota de inscrición para a categoría absoluta é de 5€, para o resto será gratuíta.
As inscricións para os atletas pitufo, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e inclusiva poderán realizarse a través de:
1) Plataforma prueba-T (www.prueba-t.es). A autorización paterna deberá imprimirse e ser presentada debidamente cuberta e asinada á hora de recoller os dorsais. Dita autorización poderá ser descargada en www.prueba-t.es ou solicitada a cherinkas@yahoo.es.
2) Presentando a autorización paterna asinada no Departamento de Deportes do concello de Vimianzo, ou enviando un email ao Departamento de Deportes (deportes@vimianzo.gal) coa autorización paterna cuberta e asinada. Á hora de recoller o dorsal deberá presentarse impresa e asinada dita autorización paterna.
A proba está organizada polo clube de atletismo vimiancés Terra de Soneira, a A. C. Cherinkas e Concello de Vimianzo. Para máis información pódense consultar as bases.