Comercios e vivendas serán premiados no V Concurso de Fachadas de Vimianzo

A organización do Asalto quere premiar o traballo da veciñanza que cada ano traslada a vila ao século XV, cando os irmandiños prepararon a guerra contra o sistema feudal que inspirou esta celebración. Por iso daranse varios premios para as fachadas máis singulares, diferenciando de novo este ano os comercios e locais non hostaleiros das vivendas particulares. Deste xeito procúrase promover que o tecido do comercio local participe tamén na ambientación da festa.

As fachadas deberán estar engalanadas, como mínimo, venres 30 de xuño e sábado 1 de xullo. Recoméndase que as fachadas luzan decoradas durante toda a semana da festa.

Pode participar calquera casa, piso ou baixo comercial da vila de Vimianzo, quedando só excluídos os locais hostaleiros (bares, restaurantes e pensións). Unha mesma fachada pode ter distintos concursantes.

A inscrición formalizarase enviando un correo a festa@asaltoaocastelo.org no que debe constar: nome e apelidos do/a concursante, teléfono, enderezo exacto da fachada (ou piso) coa que participa. O prazo para presentarse ao concurso remata o mércores 28 de xuño.

O xurado escollerá, en decisión inapelable, os seguintes premios:

Vivendas:

1º Premio: Vale de compra por valor de 50 €

2º Premio: Menú para dúas persoas

Comercios (e outros establecementos non residenciais):

1º Premio: Menú medieval para dúas persoas

2º Premio: Menú para dúas persoas

A decisión do xurado farase pública durante o propio sábado 1 de xullo, ás 19h15 na Praza do Concello. Posteriormente tamén se publicará o resultado nas redes sociais.