Abre o prazo para inscribirse na IV Feira Artesanal do XIX Asalto ao Castelo de Vimianzo

O Asalto ao Castelo de Vimianzo ponse en marcha. O sábado 5 de xullo de 2014 terá lugar na capital da Terra de Soneira a XIX edición desta festa, na que a A. X. Cherinkas pretende potenciar a IV Feira Artesanal.

Encadrada no programa de actividades do Asalto ao Castelo, volverá a ter cabida na praza do Concello e na rúa Vázquez Mouzo e contará cos atractivos derivados da ampla variedade artística que animará esa zona en todo Feira_ambientacionmomento.

Esta Feira Artesanal, seguirá gozando de difusión e asentándose cada vez máis na memoria da xente que en cada edición nos visita en maior medida e terá presenza en todos os soportes informativos da festa. A actividade encaixa á perfección co espírito do Asalto, por canto esta festa se basea na tradición, e os asistentes –a maioría axuda a recrear a historia vestíndose de época– encontrarán na Feira outro motivo máis de homenaxe aos tempos pasados, afastados das novas tecnoloxías.

Non hai contraprestación económica algunha, mais as persoas interesadas deben saber que non se aceptarán postos baseados na comida e bebida. As únicas esixencias son, por unha parte, inscribirse en tempo e forma e, por outra, limitar o posto de exhibición e venda a unhas medidas máximas de 3 m. de ancho. Tamén deberiamos incluír neste punto un rogo: vestirse ao xeito do Medievo para non desentoar coa festa.

Existen dúas vías de inscrición: unha de forma telemática a través do formulario desta web e outra de forma presencial no Departamento de Cultura do Concello de Vimianzo (Casa de Cultura de Vimianzo) onde atoparán os formularios de inscrición impresos (os cales tamén os poden descargar aquí). O prazo de inscrición remata o 2 de xullo.

Para máis información info@asaltoaocastelo.org ou 665957289.